Sunday 08 de September de 2024

O Concello honra aos seus maiores este venres 31: “Sen vós, Paderne non tería a súa memoria viva”


 O goberno local organiza a Festa dos Maiores, que incluirá un pleno de recoñecemento á persoa máis veterana de cada unha das nove parroquias

 O Consistorio pon un servizo de autobús para recoller aos e ás participantes ao longo do territorio municipal. O acto completarase coa misa solemne e a comida, con baile e sorteo de regalos

A Festa dos Maiores regresa a Paderne este venres 31 de maio. Farao a través dun conxunto de actos que buscan poñer en valor a figura das persoas máis veteranas no municipio. Porque sen eles, “Paderne non tería a súa memoria viva”, apunta o equipo de goberno local.

O executivo municipal pretende “recoñecer o vital espazo que ocupan os e as maiores na nosa sociedade” cun evento que arrincará ás 10:30 horas coa saída do autobús para recoller ao longo do territorio municipal a todas as persoas que o solicitasen. Ás 12:00 horas está prevista unha misa na Igrexa Parroquial de Paderne como paso previo ao Pleno de recoñecemento á persoa máis veterana de cada parroquia.

Así, ás 12:45 horas as portas da Casa do Concello abrirán para celebrar este acto no Salón de Plenos. Cada unha das nova persoas sentará nunha cadeira de concelleiro, terá a oportunidade de falar e recibirá un obsequio como xeito de admitir a súa transcendencia como historia viva do municipio.

Xa ás 14:30 horas, arrincará a comida no Restaurante El Pantano, con posterior baile e sorteo de agasallos para pechar un día no que os e as maiores, como non podía ser doutro xeito, serán protagonistas nun municipio que mira por eles e elas.